Friday 10 de May de 2024

A Coruña acollerá a décima edición do Festival Mar de Mares do 21 ao 24 de setembro


Inés Rey destaca a importancia deste evento que “promove accións de concienciación sobre o cambio climático e o risco para os nosos mares”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a décima edición do Festival Mar de Mares, que se realizará na cidade do 21 ao 24 de setembro, cunha programación multidisciplinar que afondará na importancia do coidado dos océanos a través de arte, ciencia, activismo, educación, gastronomía ou música. A rexedora estivo acompañada por Silvia Oviaño, directora artística do Festival Mar de Martes, e María Maceiras, pescadora, influencer e participante nos encontros inspiradores desta edición.
“Desde o Concello da Coruña promovemos accións de concienciación da cidadanía sobre o cambio climático e o risco que supón para os nosos mares; e por iso apoiamos decididamentea realización na nosa cidade do festival Mar de Mares”, indicou Inés Rey, que tamén destacou que “non se entendería que este acontecemento se relizase noutro sitio que non fose A Coruña, unha cidade aberta ao mar”.

O Festival Mar de Mares, desde a súa primeira edición no 2014, reúne os principais expertos no estudo, na creación artística e na defensa dos océanos para dar a coñecer a beleza e a importancia vital dos mares para os seres humanos. Diversos axentes da cidade unirán forzan cunha programación que abrangue exposicións, rutas dramatizadas, encontros literarios, observacións de aves, rutas en barco e encontros con persoas expertas.

As actividades repartiranse por diferentes espazos da cidade. No paseo do Parrote realizarase o sábado 23 e domingo 24 o Mercado Mar de Mares, con diferentes propostas para todas as idades: obradoiros, concertos, charlas, catas, degustacións e xogos. Tamén destaca a realización na Domus do Ocean Film Fest, cunha selección de películas con temática mariña.

“A Coruña é unha cidade que quere seguir ligando a súa historia a este océano Atlántico que nos baña e convivir en harmonía con el”, apuntou Inés Rey para sinalar a importancia do Festival Mar de Mares. A inscrición nas actividades é de balde e pódese formalizar desde este venres ás 14.00 horas a través da páxina web festivalmardemares.org, onde tamén se atopa o programa completo desta décima edición.